A Garda Civil detén un individuo despois de sorprendelo roubando cableado de cobre
Por Redacción
A Garda Civil detivo un individuo de 29 anos, de nacionalidade romanesa e con residencia en Portugal no lugar de Insua do termo municipal de Ponte Caldelas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado o pasado día 2 de agosto sobre as 03:00 horas da madrugada unha patrulla da Garda Civil de Ponte Caldelas desprazouse á zona alertada por varios veciños que avisaron sobre un corte de liña telefónica.
Ante a posibilidade de que os supostos autores puidesen encontrarse nas proximidades, os axentes efectuaron un dispositivo de peche que deu como resultado a detección de tres persoas cando abandonaban o monte por unha pista forestal onde previamente depositaran o cobre.
Tras darlles o alto, estas persoas fuxiron, pero os axentes lograron interceptar un deles, o cal portaba na súa fuxida unha serra e un cutter.
O material recuperado foi trasladado a dependencias oficiais, valorándose o cobre subtraído nuns 3.500 euros cun peso de 628 quilogramos e os danos producidos en 7.000 euros aproximadamente.
Continúase coa investigación para identificar e localizar o resto dos autores.