A rede de sumidoiros estará rematada no verán en Tomeza e Lérez
Por Redacción
Tomeza e Lérez contarán coa rede de saneamento finalizada este verán. Así o anunciou o concelleiro Raimundo González ao informar sobre os contratos adxudicados para levar a cabo as obras. Aquagest será a empresa de realizar as obras na parroquia de Lérez por un montante de 185.500 euros, ao tratarse da oferta máis beneficiosa. A mesma empresa realizará as obras en Santo André de Xeve por 105.700 euros. Os traballos da rede de sumidoiros serán acometidos por Construccións Crespo en Santa María de Xeve e Tomeza por 183.500 euros.
As obras teñen un prazo de execución de entre 3 e 6 meses.
O concelleiro explicou que os criterios para ir acometendo as obras da rede céntranse na proximidade ao centro urbano atendendo á densidade de poboación. E tamén se atende ás opcións que teñen de enlazar co resto da rede para porse en funcionamento de contado.
As obras adxudicadas forman parte do segundo convenio asinado coa Xunta de Galicia para establecer a rede de saneamento do que continúa pendente a obra do río Gafos que corresponde a Augas de Galicia.
Con estas obras, as parroquias de Salcedo, Mourente, Lourizán, A Canicouva, Pontesampaio, Lérez e Tomeza terían completada a súa rede de sumidoiros. Nelas investiuse unha cantidade que ascende a 1.300.000 euros.
Tras estes traballos, despois os particulares terán que realizar as conexións que é obrigatoria para aquelas vivendas que se atopan nun radio de 100 metros.
Raimundo González agarda que, nos próximos meses, se asine o terceiro convenio coa Xunta para continuar realizando os traballos de saneamento que quedan noutras parroquias. Segundo apunta o concelleiro, o seu contido "depende da vontade política" en referencia ao goberno do executivo galego.