O mércores volven os chuvascos ás Rías Baixas
Por Redacción
Este luns permanece a influencia anticiclónica sobre as Rías Baixas, segundo as predicións do servizo de MeteoGalicia, con ceos pouco anubrados ou despexados. Os ventos soprarán frouxos do norte con temperaturas que se situarán entre os 16 e os 31 graos.
Para o martes 11 está previsto que o anticiclón se vaia retirando cara ao oeste e iso permitirá a entrada de aire frío en altura que deixará inestable a atmosfera. Aparecerán ceos anubrados. Mentres as temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas sufrirán un lixeiro descenso. O vento soprará de compoñente norte frouxo con intervalos de moderado no litoral atlántico. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 18 graos mentres que as altas chegarán ata os 29.
Para o mércores persistirá o aire frío nas capas altas da atmosfera, quedando unha xornada marcada pola inestabilidade. Os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos probables. As temperaturas sufrirán un descenso situándose entre os 16 e os 20 graos.
A partir do xoves e ata o fin de semana, o tempo encontrarase moi variable e revolto con temperaturas que se presentarán por debaixo dos valores normais para esta época.