Accidente de tráfico con dous feridos na curva de Areas
Por Oskar Viéitez
O Centro de Atención de Emerxencias CAE 112 informou este luns dun accidente de tráfico con feridos rexistrado ás 14:56 horas na PO-308, estrada que discorre pola costa a través dos municipios de Poio e Sanxenxo.
O sinistro consistiu nunha colisión entre dous vehículos na coñecida como curva de Areas que comunica coa praia do mesmo nome.
Segundo explicaron efectivos de Protección Civil de Sanxenxo desprazados ao lugar, un dos vehículos invadiu o carril contrario no cruzamento.
Como consecuencia do impacto dúas persoas resultaron feridas leves sendo necesario liberar unha pasaxeira que viaxaba na parte traseira dun dos turismos accidentados.
Ao lugar do sinistro tamén acudiron efectivos dos Bombeiros de Sanxenxo, unha ambulancia do 061 e a Garda Civil de Tráfico.