O PP de Poio denuncia "unha enorme chapuza" nas obras de acceso á praia de Chancelas
Por Redacción
As obras financiadas por Costas e executadas e coordinadas polo Concello de Poio no acceso á praia de Chancelas son "unha enorme chapuza" para Anxo Moldes, voceiro do Partido Popular no municipio.
Segundo Moldes, a rampla de acceso habilitada no areal impide a entrada da maquinaria que debe limpar a diario a praia: "Non é normal que se constrúa unha rampla para poder limpar a praia todos os días durante o verán e a ningún dos responsables se lle ocorra preguntar aos operarios se a máquina pasa pola rampla", defendeu o popular, que tivo coñecemento da situación polas queixas veciñais.
O responsable do grupo popular ve necesario volver reformar o acceso por "unha falta de previsión".
"Na nota de prensa que anunciaba o inicio das obras, na primeira semana de xuño, afirmábase que as máquinas de limpeza empezarían a actuar na praia diariamente antes de que comezase xullo", lamentou nun escrito Moldes.