Sanxenxo urxe unha solución ao problema de inseguridade viaria nas Salinas
Por Redacción
Durante os meses de verán son miles as persoas que cruzan este punto da PO-308 sen ningunha medida de seguridade, algo ao que o goberno local de Sanxenxo quere poñer fin.
Os responsables municipais solicitaron formalmente unha entrevista co director provincial de Infraestructuras, Fausto Núñez, para pactar entre ambas as dúas administracións unha solución ao problema de inseguridade viaria na zona das Salinas.
Trátase dunha demanda histórica dos veciños, que a diario durante o verán cruzan esta estrada para acceder á zona dunar da Lanzada e ao paseo de madeira alí habilitado sen que exitan medidas de prevención.
O Concello de Sanxenxo aposta por poñer fin a esta situación "colocando un paso de peóns, instalando un semáforo ou calquera outra medida que considere eficaz para solucionar esta grave situación", pero para iso necesita a autorización de Infraestruccturas.
En todo este tramo da PO-308, no que ademais desemboca a Vía Rápida do Salnés coa intensidade de tráfico que iso leva consigo, non existe un paso de peóns que permita cruzar con seguridade.