O goberno local de Ponte Caldelas quere que a Deputación repare a estrada de Pazos antes de que sexa transferida
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde Lito Muíños revisaron a pé xunto co director xeral de Infraestructuras da Deputación, Manuel González Juanatey, os defectos detectados na estrada provincial CP-0202 que une Ponte Caldelas co lugar de Pazos e que recentemente foi obxecto dunhas obras de mellora levadas a cabo durante a anterior lexislatura e executadas pola empresa Construcciones y Excavaciones Portela, S.L. por importe de 134.000 euros.
O goberno local pretende que a Deputación resolva os fallos detectados antes de que a estrada sexa transferida ao Concello, tal e como desexan ámbalas dúas administracións.
Díaz e Muíños expuxéronlle ao técnico da Deputación toda unha serie de defectos observados no pavimento recentemente renovado e asfaltado así como un grave problema detectado ante unha casa que, ao parecer, ten afundido o seu sumidoiro, por mor das obras realizadas, o que lle ocasiona a imposibilidade de evacuar as augas fecais do seu domicilio.
O responsable técnico da Deputación comprometeu o envío inmediato dun equipo de filmación e gravación en vídeo que actúa con cámaras que se introducen nos sumidoiros coa intención de determinar a existencia de zonas obstruídas e que elementos son os que producen dito atoamento. Asemade, estenderán a inspección non só á casa que detectou o problema senón a todo o trazado co fin de detectar calquera incidencia.
Tamén se comprometeu a enviar unha brigada da Deputación coa intención de mellora-la seguridade vial no trazado, concretamente na bionda quitamedos instalada na parte final da estrada coa intención de dotala de medidas de protección para motoristas fronte a calquera accidente que puidera producirse nese lugar.
Ademais, obrigaráselle á empresa adxudicataria dos traballos a resolver os defectos detectados no pavimentado da estrada así como a necesidade de facer un rebaixe no lugar de entronque desta vía coa estrada que vai de Ponte Caldelas a Forzáns (PO-255) xa que a unión das dúas vías presenta un lombo no que algúns vehículos de carrozaría baixa teñen dificultades de acceso e incluso rozan nos baixos.