Rematar cos contratos sen seguro na Praza de Abastos de Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu está decidido a rematar coas contratacións sen seguro na Praza de Abastos da localidade.
A concelleira responsable da instalación, María José Piñeiro, reuniuse con 30 praceiros das carnizarías e peixarías do recinto para tratar este e outros temas de interese.
En relación á contratación de persoal sen o seguro obrigatorio, Piñeiro solicitou que se respecte o regulamento ao respecto ou, no caso contrario, asegurou "abriranse expedientes de amoestación para os infractores", buscando así poñer freo a unha situación que xera malestar entre os comerciantes.
Na reunión tamén se falou da limpeza da praza tras a queixa dos praceiros, decidindo que a partir de agora se elaborará un informe "sobre cada unha das persoas encargadas" toda vez que "aínda que sexa un traballo de seis meses, hai que cumprir cas obrigacións", sinalou a concelleira.
Un último tema tratado foi a regulación das prazas de aparcadoiro, ao entender os vendedores que perden clientes pola falta de zonas para estacionar.