Dous veciños de Meis confesan ser os autores da agresión e abandono do can na Protectora de Pontevedra
Por Redacción
Dous homes do municipio de Meis compareceron nas dependencias da Garda Civil de Cambados para confesar que son os autores do abandono do can botado dende o enreixado da Protectora de Animais de Pontevedra.
O propietario do can foi o encargado de lanzalo ao valo golpeando o animal e, a continuación, descolgalo ao interior das instalacións da canceira situada na parroquia de Campañó. O acompañante era o seu sobriño. Eles recoñecéronse como as dúas persoas que saen no vídeo difundido a través dos medios de comunicación e das redes sociais. Ambos os dous indicaron que o abandono se produciu porque non se poden facer cargo do animal por problemas co administrador do terreo no que viven.
A Garda Civil puxo os feitos en coñecemento da Delegación Territorial da Consellería da Xunta de Galicia, que é a competente para o caso, a través dunha denuncia polo maltrato sufrido polo animal.
A Asociación Os Palleiros presentara o 11 de agosto unha denuncia ante o Seprona para que se localizase os autores do abandono despois de ser gravados polas cámaras de seguridade situadas nas instalacións da Protectora. Nesta gravación observábase como un vehículo paraba fronte á porta do recinto e unha persoa se baixaba cun can nos brazos intentando lanzalo por enriba do valo, golpea ao animal contra o enreixado e a continuación, axudado polo seu sobriño, trepa co animal para abandonalo lanzándoo ao interior. O can foi encontrado por membros da protectora asustado e coxeando dunha pata, sen microchip. As xestións practicadas por compoñentes da Pacprona foron as que serviron para identificar o propietario da mascota.
A brutalidade das imaxes provocaron que o vídeo se difundise rapidamente pola Internet e foi recollido polos informativos das principais televisións.