Un de cada tres positivos por alcoholemia na cidade superan a taxa de 0,65 mg/l
Por Diego Espiño
Un terzo dos positivos por alcoholemia que se rexistran na cidade de Pontevedra rematan supoñendo unha denuncia pola vía penal por un delito contra a seguridade do tráfico.
É o que reflicte un informe feito público pola Policía Local con datos de todo o ano 2014, no que interceptaron a un total de 373 condutores en estado de embriaguez.
Desa cifra 132 deles (35%) superaba a taxa de 0,65 miligramos por litro, cifra que marca a fronteira entre unha sanción administrativa ou penal.
Chama a atención no informe que 25 dos condutores superaban o miligramo por litro, cuadriplicando polo tanto a taxa máxima en sangue permitida por lei, que se sitúa en 0,25 (0,15 para os noveis).
En relación ao perfil do infractor, no caso das denuncias penais por alcoholemia, o 94% delas corresponden a homes (126) e só o 6% a mulleres (8), sendo o tramo de idade con máis denuncias o comprendido entre os 35 e 49 anos (37,5% do total), seguido do tramo entre 20 e 34 anos (32,1%) e entre 50 e 54 anos (14,9%).
Ademais, entre os delitos contra a seguridade do tráfico denunciados pola Policía Local de Pontevedra encóntranse 11 condutores por negarse a ser sometidos ao control de alcoholemia e 58 por pilotar un vehículo sen ter carné de conducir, xa sexa por estar retirado por orde xudicial (11), perda de puntos (29) ou por non o obter nunca (18).
Por outro lado dous foron os condutores que deron positivo por drogas e outros dous foron denunciados por condución temeraria.
En total, en todo o ano 2014 as denuncias penais por infraccións contra a seguridade do tráfico na cidade ascenderon a 208, instruídas en 195 atestados policiais, 37 delitos máis que os resgitrados durante o 2013.
Relacionadas:
-
Un condutor borracho golpea co seu vehículo a cinco coches aparcados en Corbaceiras
Por Oskar Viéitez |
-
Unha condutora impacta contra o coche oficial do alcalde de Pontevedra e dá positivo en drogas
Por Redacción |
-
330 controis de alcoholemia: tres positivos en alcohol e unha en drogas
Por Redacción |