Orientación laboral sen orientadora
Por Anxo Lourido
"Non sei se vivo en Galicia ou en Zambia". Así se manifesta unha moza pontevedresa indignada co Servizo Público de Emprego de Galicia tras convocala a unha entrevista de orientación laboral na sede da UGT de Pontevedra cando a orientadora encargada dese servizo se encontra de baixa dende hai uns días e ninguén cobre o seu posto.
Segundo explica esta moza, en verán solicitou a entrevista de orientación laboral no Servizo Público de Emprego e non llela concederon ata agora, cando se lle rematou a prestación. A oficina de emprego citábaa para manter un encontro coa orientadora que se encontra na sede do sindicato UGT sen consultalo previamente coa propia interesada. A moza non se encontraba nesas datas en Pontevedra polo que tivo que aprazala. A nova data fixouse para este mércores 9 ás 17 horas. A sorpresa que se levou esta desempregada pontevedresa foi maiúscula cando na oficina da UGT lle indicaron que a asesora levaba varios días de baixa e que ninguén a podía atender recomendándolle que se dirixa "ata a oficina do INEM porque corre o risco de perder o servizo". A afectada enviou un escrito denunciando esta situación á Oficina de emprego de Pontevedra.
Responsables de UGT comarcal confirmaron a PontevedraViva que a orientadora leva días de baixa e que descoñecen cando volverá incorporarse. Apuntan, ademais, que a oficina de Servizo Público de Emprego de Pontevedra xa foi informada desa baixa laboral sen que se tomase ningunha decisión para que sexa substituída a orientadora.
En UGT sinalan que, cada día, se pasan polas oficinas arredor de media ducia de persoas citadas coa orientadora laboral polo Servizo Público de Emprego que se teñen que volver a casa sen a súa entrevista ao non se encontrar a persoa encargada desta función.
O sindicato que está a sufrir un ERE en toda España xa anunciou que, cando remate o actual convenio, non renovarán ese servizo de orientación laboral ao non lle poder facer fronte economicamente.