A inexistencia dun contrato de aluguer obriga ao traslado da aula de lectura de Vilalonga
Por Redacción
Persoal dos servizos municipais de Servizos e de Cultura procederán o luns a baleirar a Aula de Lectura de Vilalonga. Libros e mobles pertencentes ao Concello de Sanxenxo serán trasladados de forma provisional ao Pazo de Cultura mentres o goberno local traballa na elaboración dun prego de condicións que permita a contratación dun novo local que albergue este servizo.
Os concelleiros de Cultura, Roberto Carlos Agís, e de Economía, David Otero, explicaron este venres que o goberno local se viu obrigado a adoptar esta decisión tras detectar que o Concello non paga dende marzo do ano 2013 o aluguer das instalacións ocupadas. Non pode facelo debido a dificultades dos propietarios para prestar este tipo de servizos á administración pública, existindo mesmo máis dunha advertencia da Axencia Tributaria neste sentido.
O problema foi desvelado unha vez que o concelleiro de Cultura, tras detectar unha serie de deficiencias na Aula de Lectura, se dirixiu aos propietarios do inmoble para demandar a execución dos traballos. Foi nese momento cando eles se negaron a facelo aducindo que levan sen percibir máis de dous anos o cobramento do aluguer.
Unha vez revisado o expediente o Goberno local comprobou que o primeiro contrato foi asinado o 20 de maio do ano 2003 por un período de dous anos. E a partir de aí sucedéronse unha serie de prórrogas continuas que contan, segundo consta no expediente, con reparos dos técnicos municipais á legalidade da formula. O primeiro contrato asínase cunha empresa, pasando despois a prorrogalo con particulares
É a Axencia Tributaria a que no ano 2013 advirte ao Concello da imposibilidade dun dos seis propietarios de asinar contrato coa administración pública, achegando tamén un requirimento de embargo das cantidades correspondentes ao aluguer mensual.
"A advertencia da Facenda pública foi desoída intencionadamente tanto pola anterior alcaldesa como polos exconcelleiros de Cultura e de Economía, que non fixeron absolutamente nada para solventar esta situación, plenamente conscientes de que podían estar incurrindo nun delito contra a Facenda pública e colaborando para desatender as obrigas tributarias do Concello", explicou David Otero, edil de Economía, no transcurso dunha rolda de prensa ofrecida no Concello.
Ante esta situación a reacción do goberno local foi inmediata. "Lamentamos moito que os veciños de Vilalonga teñan que prescindir deste servicio durante unhas semanas pero nós imos ser escrupulosos coa legalidade e non podemos permitir esta situación nin un día máis", engadiu. Este mediodía a Aula de Lectura deixaba de prestar servizo, cesando así de forma inmediata a actividade no interior deste inmoble.
Este mediodía a Aula de Lectura deixaba de prestar servizo, cesando así de forma inmediata a actividade no interior deste inmoble
E é que un informe elaborado polos servizos de Intervención municipais advirte que esta situación de "completa irregularidade legal" sitúa o Concello nunha "dobre distorsión fiscal". Primeiro porque se omite a obriga de facturar o IVE e a súa posterior declaración ou ingreso na facenda pública do Estado e segundo" porque se obvia "e se impide proceder ao debido cumprimento da dilixencia de embargo da axencia tributaria".
Para o nacionalista David Otero esta situación é unha "definición clara" da forma de actual do Executivo anterior, presidido polo Partido Popular. "Nada máis tomar posesión encontrámonos cunha sentencia que nos obligou a pagar o aluguer da Cultural, adeudado durante cerca de ano e medio. E agora encontrámonos con esto".
Roberto Carlos Agís advertiu que isto non é máis que "a punta do iceberg" dun modelo de facer política ao que catripartito quere poñer fin. "Este tipo de actuacións non se van permitir máis no Concello de Sanxenxo. Sabemos que a anterior concelleira de Cultura e a alcaldesa estaban ao corrente do que estaba a acontecer, incorrendo nun delito que pode ter graves consecuencias,".
O goberno local pide desculpas aos veciños de Vilalonga polo peche provisional da Aula de Lectura pero confía en que o servizo poida volver prestarse dentro dunhas semanas. "Os veciños son os realmente perxudicados porque son os que pagan as consecuencias das políticas clientelares do Partido Popular, pero esta é unha situación de emerxencia na que temos que actuar con premura".