Primeiro chegou a chuvia e agora... o frío e o vento
Por Redacción
En pleno mes de agosto, e despois de varias xornadas de praia, a lluvía chegaba nos últimos días ás Rías Baixas, en forma de chuvascos intermitentes inicialmente e cunha forte tromba de auga ao longo da noite deste sábado e a madrugada deste domingo. Pero a auga non viña soa. Acompañábana o frío e o vento. Este domingo Pontevedra e a súa comarca amenceron cos termómetros en rexistros nada habituais nesta época do ano, 14 graos de mínima.
O descenso das temperaturas foi acusado e notouse nas mínimas, pero, especialmente, nas máximas. As predicións de Meteogalicia apuntan a que Pontevedra terá ao longo da xornada temperaturas mínimas de 14 graos e máximas de 20.
A situación manterase no inicio da semana e as predicións dos meteorólogos manteñen que haberá precipitacións tamén durante a xornada deste luns e as temperaturas serán normais para as mínimas, pero seguirán baixas para as máximas, con valores que en xeral se manterán sen cambios a pesar de que oscilarán durante este luns entre os 12 e os 21 graos.
En xeral, segundo Meteogalicia, toda Galicia quedou este domingo baixo a influencia dunha borrasca, cunha fronte asociada que se achegará polo noroeste dende a mañá, provocando que o ceo estea moi anubrado ou cuberto con chuvias que se estenderán progresivamente por toda a comunidade.
Meteogalicia prognostica que o vento soprará do sudoeste, forte, con intervalos moi fortes no litoral e zonas altas e moderados no resto. No mar o panorama non é moi diferente e nas Rías Baixas prevese vento do sudoeste pola mañá, tarde e noite, forza 4 a 6 pola mañá e pola noite e 5 a 6 pola tarde. Haberá forte marusía e visibilidade regular pola mañá e pola noite e mala pola tarde, así como mar de fondo do noroeste, con ondas de 1,5 a 2,5 metros pola mañá e 3 a 4 metros pola tarde e pola noite.