A capela de San Vicente 'desprofánase'
Por Redacción
Mentres a Garda Civil segue investigando o estraño incendio rexistrado no interior da capela de San Vicente do Mar, no Grove, a normalidade está a volver pouco a pouco ao templo. O párroco e os fregueses realizaron actuacións destinadas a recuperar o máximo posible a estrutura tras o lume e, a nivel litúrxico, este domingo celebráronse dous actos destinados a reparar, dalgunha forma, a profanación da que foi obxecto.
O incendio queimou varios teles, o pedestal, o altar e un misal romano, toda unha profanación sobre a que facía falta actuar. Este domingo, a partir das 20.00 horas, celebrouse unha vixilia de oración e reparación da capela á que acudiu un nutrido grupo de fregueses.
Decenas de persoas encheron o templo e algúns mesmo tiveron que quedar en pé e no exterior deste para poder asistir aos dous actos litúrxicos previstos. Ás 20.00 horas convocárase unha hora santa e ás 21.00 horas celebrouse a eucaristía.
Con este acto de reparación da profanación complétase unha tarefa de reparación do templo que nos dous últimos días incluíu a limpeza e pintado da capela, na que durante varios días tiveran que celebrarse todo tipo de actos litúrxicos debido ao estado no que quedara pola acción do lume.
O incendio, cuxa orixe aínda non foi aclarada, produciuse ao longo da madrugada ou a mañá do martes, segundo adiantou PontevedraViva. Empezou a saír fume do interior do templo e, cando chegaron os efectivos de emerxencias e seguridade, non habia lume, pero si estragos. No exterior había restos dun botellón e no interior apareceu unha botella. Ademais, un dos cristais da porta de acceso estaba roto e había danos nas celosías, presuntamente provocados para pode entrar ao edificio.