Aposta por potenciar as novas tecnoloxías para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción
A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, e o presidente do Clúster del Turismo de Galicia, Francisco González, asinaron este mércores 2 un convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para o impulso dunhas xornadas técnicas que se celebrarán en Pontevedra co obxectivo de promover a comercialización turística por parte dos profesionais do sector.
Esta xornada técnica, que segundo a organización se celebrará previsiblemente na segunda quincena de novembro, busca contribuír á formación e á mellora da competitividade do sector turístico galego. A Deputación achega 30.000 euros a este evento que contempla relatorios e mesas redondas sobre as tendencias e estratexias actuais para a comercialización de destinos turísticos.
Precisamente, a presidenta provincial sinalou tras o encontro que ten previsto elaborar un proxecto de futuro para o turismo nas Rías Baixas que teña un carácter global e que conte coas novas tecnoloxías a través de redes sociais e webs para promover a provincia entre diferentes sectores de poboación.
Neste sentido, Carmela Silva apuntou que hai que potenciar a utilización de medios de transporte con destino a Pontevedra xa que, segundo os datos que manexan, máis do 70% dos visitantes que se achegaron este verán ás Rías Baixas chegan a través de coches particulares.
Dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto, as oficinas de turismo da provincia recibiron 137.339 visitantes, 15.422 máis que durante ese mesmo período en 2014. Segundo estes datos da institución provincial, o 74% dos visitantes descoñecían a provincia e aloxáronse maioritariamente (41,84%) en hoteis durante 7 días. Os principais motivos que atraen estes turistas céntranse na natureza (44,77%) e a cultura (34,66%). A maioría de visitantes procedían de España pero de puntos de fóra de Galicia.
Relacionadas:
-
Turismo promocionará Pontevedra a través de clubs deportivos que xoguen fóra de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva anuncia en Caldas un plan turístico que incluirá o Camiño Portugués e o termalismo
Por Redacción |
-
O Concello de Poio pecha agosto cos mellores resultados turísticos dos últimos cinco anos
Por Redacción |
-
Sanxenxo lidera o número de pernoctacións e a estanza media en Galicia
Por Redacción |
-
Máis turistas que o pasado ano nas Rías Baixas
Por Redacción |