Carmela Silva anuncia en Caldas un plan turístico que incluirá o Camiño Portugués e o termalismo
Por Redacción
Caldas de Reis é un referente no turismo relacionado no Camiño Portugués a Santiago e o termalismo. Son dúas das vertentes que máis importancia teñen no sector na provincia de Pontevedra e por iso a Deputación teraos en conta na redacción do plan estratéxico provincial que están a preparar. Así o anunciou a presidenta Carmela Silva, durante a visita institucional que realizou ao concello de Caldas.
Foi o propio alcalde, Juan Manuel Rey, o que lle pediu á presidenta a inclusión do termalismo e do camiño portugués no futuro plan de turismo "que vaise facer sempre cos concellos porque son os que mellor coñecen as súas potencialidades e as súas necesidades", subliñou Carmela Silva.
Ademais, a presidenta avanzou que variará o sistema seguido ata o de agora na petición de fondos europeos para os proxectos turísticos "que eran pedidos de costas aos concellos" co que se pretende evitar o ocorrido con algún destes proxectos, que a partir de agora serán consensuados cos municipios.
Outros dos aspectos abordados na xuntanza entre Silva e Rey foron as posibilidades dos concellos de acceder ao fondo local de cooperación da Deputación, ao que o alcalde de Caldas asegurou que é máis importante que se fixen claramente os criterios para obtelos que as cantidades finais.
O alcalde de Caldas tamén explicou á presidenta da Deputación a situación do centro ocupacional de O Saiar, abandonado por parte da Xunta de Galicia. Juan Manuel Rey informou que son corenta persoas as que usan este centro con diversas discapacidades e aos que agora queren impoñer un copagamento.
Silva comprometeuse a levar este tema na súa entrevista co presidente da Xunta de Galicia e cualificou de "impresentable" a actuación do goberno galego con este centro e os seus usuarios.
Relacionadas:
-
A Deputación promove o proxecto Hydrothermas Vilas Termais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Carmela Silva confesa estar "asombrada" pola "desastrosa" xestión do PP coas Pousadas do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Aposta por potenciar as novas tecnoloxías para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |