Susto en Benito Corbal pola caída de cascotes dende a cornixa dun edificio
Por Mónica Patxot
Decenas de persoas concentráronse durante a tarde deste mércores na rúa Benito Corbal ante a intervención de dúas dotacións dos Bombeiros do Parque de Pontevedra e a presenza de axentes da Policía Local na zona para cortar o paso ante o desprendemento de cascotes procedentes da cornixa do edificio número 16 desta céntrica rúa.
Segundo sinalaron testemuñas presenciais desprendeuse cemento á rúa alertando os viandantes que chamaron a Policía Local para que acudise ata o lugar. Os bombeiros indicaron que o problema atopábase nos linteis da fachada naquelas vivendas que teñen dobre ventá.
Durante os máis de 45 minutos que durou a intervención, numerosos cidadáns que se encontraban en comercios do ámbito seguiron a actuación dos Bombeiros.