Falece unha muller afogada nunha praia da Illa de Arousa
Por Redacción
Unha muller de 66 anos falecía ás 17.00 horas desta tarde de domingo 6 de setembro afogada nunha praia da Illa de Arousa, segundo informan fontes do 061.
Segundo testemuñas presenciais, a muller afogouse sen que os numerosos bañistas que se encontraban na praia se decatasen da traxedia que se estaba a producir diante deles. Cando se decataron de que se atopaba inconsciente e a sacaron da auga, intentaron reanimala a través de asistencia cardiopulmonar sen logralo. Ao cabo de dez minutos chegaron os servizos de emerxencias, coa presenza dunha ambulancia asistencial, o helicóptero do 061 e persoal sanitario do PAC de Cambados.
Non obstante, malia os esforzos non se conseguiu que a muller recuperase a respiración e falecía no areal. Segundo o servizo de emerxencias do 112 tamén acudiron ata o lugar efectivos da Garda Civil e da Policía Local.