O goberno local de Sanxenxo destina 28.000 euros a obras de mantemento nos colexios
Por Redacción
As concellerías de Educación e Servizos remataron xa as obras de mantemento nos sete colexios do municipio de Sanxenxo, ás que o Concello destinou un investimento de 28.000 euros. O Goberno local atendeu tódalas demandas plantexadas polos centros escolares que se puderon acometer con persoal do departamento de Servicios, complementadas con contratacións puntuais de empresas de carpintería, aluminio e de un ferreiro.
Quedan por tanto pendentes de concreción as actuacións comprometidas polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, na reunión mantida o pasado mes de xullo coa concelleira Sandra Fernández Agraso, na que se acordaron os traballos a realizar en cada colexio, así como o orzamento de cada unha delas, pero resta a confirmación formal.
A instalación de linolio na aula de Infantil de Portonovo; cambiar a cuberta dun patio exterior no colexio de Noalla; arranxar o patio do colexio de Vilalonga e os laterais dun dos anexos do colexio de A Florida son as obras que Sandra Fernández Agraso quere concretar nestes días co xefe territorial, a fin de poder fixar a data de inicio dos traballos, que non entorpezan o desenvolvemento do curso escolar. Trátase de actuacións urxentes que serán cofinanciadas entre as dúas administracións.
O único dos traballos conxuntos que xa está en marcha é a apertura dun novo portal lateral no colexio de Dorrón, que será dotado dunha cancela axeitada e que terá un ancho suficiente para garantir o acceso dun camión de bombeiros en caso de ser necesario.
Os traballos que xa están rematados son os executados polo Concello en solitario e, na meirande parte dos centros escolares, con persoal municipal (operarios e conserxes) o que permitiu aforrar en man de obra.
Sandra Fernández Agraso destaca que foi fundamental a comunicación cos centros, gracias á cal se estableceron as prioridades e se coordinaron os tempos de realización.
Durante o verán realizaronse obras de conservación como a limpeza de canalóns e o pintado de aulas pero tamén se levaron a cabo obras de mellora como a retirada da chimenea sobre o pavillón do colexio de Magaláns xa que provoca a entrada de auga nas instalacións. Neste centro pintouse tanto o pavillón como a biblioteca. No caso de Portonovo, realizou unha actuación importante no reforzo das vaias metálicas do peche exterior, para mellorar a seguridade dos cativos. Tamén no colexio de A Florida se realizaron traballos de sustitución de persianas, pintado de aulas e instalación dunha cancela nova nun acceso que antes non existía; mentras que en Noalla instalouse corcho nunha aula de inglés e fixéronse traballos de mantemento.
O gasto municipal anual no que se refire ás competencias educativas non se limita a obras de mantemento e mellora nos colexios, xa que a administración local tamén asume o coste de limpeza en conserxería, así como o consumo de electricidade.