O investimento nos centros educativos de Sanxenxo supera os 410.000 euros
Por Redacción
As obras xa realizadas durante os meses de verán nos centros educativos de Sanxenxo e as comprometidas para estes próximos meses, que serán cofinanciadas entre a administración local e a Consellería de Educación, alcanzan un investimento superior aos 410.000 euros.
E é que aos 30.000 euros de gastos asumidos este verán no mantemento dos colexios, en obras executadas no seu maior parte con persoal propio do departamento de Servizos, hai que sumar os 20.000 euros destinados á reparación das pingueiras no pavillón de Sanxenxo, uns traballos que están xa terminados e que poñerán fin ás filtracións constantes de auga.
Executada tamén está a colocación dun novo portal de acceso no lateral do colexio de Dorrón, facilitando o acceso aos autobuses e que contou cun investimento de 4.000 euros.
En proceso de execución está a reforma do pavillón de Vilalonga, por un importe total de 128.000 euros e cuxas obras deron comezo a pasada semana. Aínda que poñer fin ás constantes pingueiras que dificultaban a realización de actividades no seu interior é o principal obxecto desta obra, o proxecto contempla importantes melloras no global da infraestrutura.
En marcha tamén están as obras nos dous institutos do municipio e que en conxunto superan os 180.000 euros. A maior parte destinarase ao IES de Vilalonga, onde Educación acomete o cambio de cuberta e falsos teitos do módulo de Talleres cun investimento de 150.000 euros. Mentres que 35.000 é a cantidade que se destinará ao IES de Sanxenxo, en Baltar, para a reparación do peche do ximnasio para reparar pingueiras en diferentes puntos da cuberta.
Aínda pendente de execución e adxudicación están varias obras maiores en centros educativos do municipio que serán cofinanciadas, case a partes iguais, entre a Consellería de Educación (21.000 euros) e o Concello de Sanxenxo (22.000), que ascenden en total a 43.000 euros.
Trátase pois dunha cantidade que o Executivo local considera "moi razoable", aínda que consciente de que quedan aínda pendentes actuacións urxentes nalgún centro.