Os colexios de Sanxenxo, en obras ata setembro
Por Redacción
No verán, todos os colexios deixan de ter actividade. É tradicionalmente a época na que os responsables do seu mantemento, neste caso os concellos, aproveitan para facer reparacións varias. Iso é o que ordenou realizar o goberno municipal de Sanxenxo.
Estes traballos, nos que colaboran os departamentos de Servizos e Educación, comezaron xa no centro escolar de Nantes. Este foi o elixido para comezar con estas tarefas de mantemento.
No seu caso, consiste no pintado de paredes, arranxos en portas, mantemento de enreixados e peches e outras cuestións menores. Iranse realizando nos diferentes centros escolares antes de que dea comezo o próximo curso escolar, o 10 de setembro.
Paralelamente a estes traballos executaranse obras de maior calado, para as que a Concellaría de Educación, que dirixe Sandra Fernández Agraso, está a solicitar presuposto a diferentes empresas. Afectarán tamén á totalidade dos colexios e estarán rematadas antes de setembro.