Sanxenxo pedirá a mediación da Xunta para solucionar os problemas co transporte escolar
Por Redacción
A concelleira de Educación de Sanxenxo, a nacionalista Sandra Fernández Agraso, ten previsto reunirse o próximo martes co xefe territorial de Educación, César Peres Ares, para tratar varios asuntos conflitivos en relación aos centros educativos do municipio.
Un dos asuntos que máis preocupan ao goberno local o problema xerado nalgunhas rutas do transporte escolar, do que se encarga a empresa Monbus.
A intención da concelleira é solicitar a mediación da Xunta coa empresa co obxectivo de mellorar o servizo, e é que o curso pasado se produciron casos como o do IES Baltar, no que unha ruta deixaba os alumnos no instituto con 20 minutos de atraso.
O problema é máis grave aínda no colexio de Telleiro, onde os nenos deben acudir a clase a tarde dos xoves para completar o horario obrigatorio, xa que pola mañá as clases se reduciron para facelas compatibles coas rutas do autobús escolar. Ademais tamén sofren un pequeno atraso na súa chegada, asegura a concelleira.
Fernández Agraso tamén protestará pola unificación dos alumnos nunha aula no colexio Florida, o que fai que se incumpra o ratio fixado por lei provocando unha situación "negativa para os alumnos e supón un sobreesforzo para os profesores", sinalou a responsable municipal.
Por último a edil solicitará investimento para varios centros coa intención de acometer proximamente melloras como o pintado e reparación de humidades nunha construción anexa da Florida e o cambio de cuberta dun patio interior en Telleiro, dado o seu mal estado.