Achégase unha fin de semana anubrada e con probabilidades de chuvia
Por Redacción
Achéganse baixas presións ás Rías Baixas cunha fronte chuviosa. O ceo comezará a anubrarse pola zona oeste con probabilidade de que as chuvias cheguen durante a tarde noite deste venres 11 de setembro, segundo sinalan dende o servizo de MeteoGalicia. As temperaturas manteranse sen cambios significativos, cun descenso das mínimas na zona do litoral situándose arredor dos 14 graos mentres que as máximas se situarán nos 22 graos. O vento soprará de compoñente sur frouxo.
O sábado, a comunidade quedará nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións, con certa inestabilidade á espera da chegada dunha nova fronte leve durante a noite. O ceo presentará unha alternancia de nubes con claros. As temperaturas mínimas ascenderán mentres que as máximas se reducirán lixeiramente. O vento pasará a soprar de compoñente norte frouxo, cambiando a sudoeste ao longo do día.
Xa a partir do domingo, o ceo manterase con nubes e claros. As temperaturas situaranse con mínimas en descenso lixeiro e máximas sen grandes cambios situándose entre os 13 e os 21 graos.