A rúa Consistorio, peonalizada 'a golpe' de maceteiro
Por Redacción
Unha maceta no medio da rúa. É o principal indicativo da peonalización que, desde esta mañá, aplicou o Concello de Sanxenxo na rúa Consistorio.
O goberno local decidiu pechar ao tráfico rodado esta vía atendendo a criterios de seguridade para os viandantes. E é que a estreiteza da rúa pon en risco aos peóns, que ven obrigados a extremar as precaucións cando circulan por este tramo.
A rúa Consistorio permanecerá aberta desde a rúa Viña da Fonte para permitir o acceso dunha ambulancia ou un vehículo de emerxencia en caso de ser necesario.
A concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa, afirmou que esta medida adóptase atendendo a demanda dos veciños residentes nesta contorna, que se queixaban do ruído que xera o paso dos coches sobre as tapas de rexistro.
"Consideramos que a medida é moi oportuna, tendo en conta os intereses de todos", explicou a edil, sobre todo porque o viario que se pecha ao tráfico servía de atallo para conectar a rúa Progreso e a Avenida de Madrid, conexión que segue garantida con tan só uns metros de distancia, a través da rúa Cesteiros e Viña da Fonte.
"Esto non supón un trastorno excesivo para os conductores pero si unha comodidade moi grande para os peatóns e os residentes", apuntou Vanessa Rodríguez, que confía en que tras os inconvintes habituais dos primeiros días, os condutores se habitúen ao cambio.
A intersección entre a rúa Consistorio e a rúa Domínguez A. de Ledo estará tamén pechada ao tráfico rodado.