Un radar móvil controlará a velocidade en zonas "sensibles" da cidade durante quince días
Cinco anos despois da implantación da zona 30 en toda a cidade, o Concello de Pontevedra asegura que as estatísticas de seguridade viaria avalan que as medidas adoptadas para o acougado de tráfico "deron resultado". Pero a Policía Local detectou, nos últimos meses, certa "relaxación" nunha porcentaxe de condutores "suficientemente significativo", segundo Daniel Macenlle, como para tomar cartas no asunto.
Así, a Policía Local levará a cabo, entre o 28 de setembro e o 12 de outubro, unha nova campaña de control de velocidade nas vías municipais. O obxectivo é concienciar a aqueles condutores que "non fan caso ao límite de velocidade" e poñen en risco a vida de peóns, ciclistas e motociclistas "que a velocidade mata".
Para iso, un radar móbil cedido pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) controlará de forma aleatoria zonas "sensibles" da cidade e que preocupan dunha forma especial aos responsables municipais. Son viarios nos que se detectaron, mediante diferentes estudos, un maior grao de incumprimentos nesta materia como a avenida de Compostela, os accesos a Monte Porreiro, as Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a subida a Montecelo.
Neste sentido, o intendente da Policía Local puxo como a avenida de Compostela como exemplo dunha "intervención necesaria". Case sete de cada dez vehículos superan os 70 quilómetros por hora e chegáronse a detectar velocidades máximas de 160 quilómetros nos carrís de entrada e de 152 quilómetros nos de saída. Ou o viario que pasa por diante de Montecelo con 16 casos ao día que circulan a velocidades de máis de 70 quilómetros por hora.
En todo caso, a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, sinalou que esta campaña non se pon en marcha cun obxectivo recadatorio, senón para ter información actualizada do comportamento dos condutores e de "advertir e facer un chamamento ao respecto dunha norma que salva vidas". Tanto ela como Macenlle aseguraron, neste sentido, que as sancións "non salvan vidas"
Carme da Silva, ademais, quixo poñer en valor as diferenzas que se aprecian na circulación rodada de Pontevedra desde a implantación das medidas de acougado de tráfico. Para iso, fixouse nunha das rúas nas que recentemente se aplicaron: Rafael Areses. Antes, o 98,6% dos vehículos superaban o 30 km/h e 122 dos 8.044 aforados ían por encima dos setenta. Agora, só un 1,76% incumpre a zona 30 e ningún chega ao 70 km/h.
A conclusión, dixo, é que a construción de lombos e as medidas de acougado de tráfico reduciron de 50 a 26 quilómetros a velocidade media na devandita rúa, algo que axuda a que a mortalidade nas estradas da cidade siga sendo cero porque "a 50 km/h os atropelos son mortais na metade dous casos e a 70 km non 100%, mentres que a 30 baixa a un 5%, que é case como dicir que é cuestión de mala sorte".
Relacionadas:
-
31 condutores "pillados" polo radar durante a campaña de control de velocidade
Por Anxo Lourido |
-
O radar móbil da DGT xa controla a velocidade dos condutores pontevedreses
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Novo atraso no inicio da campaña de control de velocidade na zona 30
Por Redacción |
-
O radar vén sen présa
Por Redacción |
-
Ollo ao contaquilómetros! A DGT empeza unha campaña especial de control de velocidade
Por Redacción |
-
Preocupación nas autoridades ante o aumento de falecidos nas estradas pontevedresas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |