Solicitan sinaturas para que readmitan un neno con trastorno autista no Centro de día da Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Redacción
A pontevedresa Rosa María Gabián, unha muller de 40 anos que se quedou sen traballo recentemente, reclama aos políticos que lle ofrezan algunha axuda para lograr que o seu fillo que sofre un trastorno do espectro autista (TEA) poida continuar no Centro de Día da Cidade Infantil Príncipe Felipe. A través das redes sociais tenta chamar a atención sobre o seu caso ao sentirse "desamparada".
O seu fillo, Roberto, de once anos de idade sofre unha discapacidade psíquica do 68%. Con todo un informe elaborado polo Servizo de Familia e Menores establece que o menor debe ter "outro tipo de axudas e de motivacións", polo que establece o seu traslado do Centro de Día do Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra, a outros centros con "recursos de carácter especializado" coa intención de mellorar o seu "desenvolvemento integral".
Esta decisión, segundo sinala Rosa María, supón que o menor continúe no centro de educación especial Príncipe Felipe, pero non no Centro de Día. Desta forma perdería a praza que viña ocupando desde hai sete anos.
A nai indica que isto supón que queda sen transporte, sen comedor e sen a medicación que necesita o seu fillo. Afirma que non ten maneira de custear estes gastos ao atoparse, neste momento, sen emprego.
Por este motivo, iniciouse unha campaña na páxina de Change.org na que solicitan firmas de apoio para que a Xunta de Galicia permita que readmitan a Roberto no servizo de Centro de Día da Cidade Infantil Príncipe Felipe. A nai colgou o seguinte vídeo no seu Facebook: