Comeza o curso nos centros de Bacharelato e de Ensino Secundario sen incidencias
Por Redacción
46.564 estudantes iniciaron este martes 15 o curso en Educación secundaria obrigatoria (ESO) e en Bacharelato nos centros educativos da provincia de Pontevedra, tanto públicos como privados. Segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia, 35.021 están matriculados na ESO mentres que 11.543 comezaron o curso en Bacharelato.
Nos centros públicos matriculáronse 24.001 alumnos da ESO mentres que en centros privados concertados a cifra alcanza os 10.334 e nos non concertados queda en 686 alumnos.
En Bacharelato o número de estudantes en centros públicos ascende a 9.963 mentres que os centros privados concertados alcanzan os 1.580 alumnos.
Segundo os datos da Xunta, en Pontevedra rexistrouse un incremento de matrículas nos ensinos artísticos con 2.748 alumnos nos conservatorios e 382 en centros autorizados de música.
Por outra banda, a Xunta sinala que se investiron máis de 700.000 euros en reformas e melloras dos centros de Secundaria para este curso en toda a provincia. O delegado territorial, José Manuel Cores Touris, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou o IES Xoán Carballeira e o CEIP Torre-Cela durante esta xornada para ver as obras acometidas nestes centros. O responsable da Xunta destacou que a volta ás clases desenvolveuse con normalidade e sen que se rexistrasen incidencias.