Feijóo anuncia que a Xunta licitará en 2016 a obra de mellora do colector xeral de Marín
Por Redacción
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, vén de ratificar o compromiso da Xunta co Concello de Marín para afondar nunha colaboración entre ambas administracións.
O titular da Xunta mantivo un encontro coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na que tamén se planificaron actuacións de futuro que continúen co traballo realizado ata o de agora.
O mandatario galego salientou ademais que o novo centro de saúde, no que a Xunta investiu máis de 5,2 millóns de euros, estará en funcionamento na primavera de 2016.
No eido do saneamento, Feijóo lembrou o convenio asinado co Concello de Marín en 2010 por 5,6 millóns de euros. Ao abeiro deste documento, a Xunta de Galicia licitará en 2016 a obra de mellora do colector xeral e nova impulsión que será financiado con Fondos FEDER.
Do mesmo xeito, o presidente do Goberno galego asegurou que a Xunta seguirá traballando nas obras de mellora de saneamento do rural en Marín para poñer en servizo antes da fin de ano as obras de Pereiro que teñen lugar nos ámbitos de O Pozo e Cadrelo e que suman un millón de euros, así como os sumidoiros en Miñán – A Esperela.
Con vistas a seguir mellorando as infraestruturas viarias do concello e grazas a petición expresa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os Presupostos Xerais do Estado 2016 consignarán medio millón de euros, con proxección doutro medio millón en 2017, para a reurbanización da Avenida de Ourense.
A política social foi outro dos piares sobre o que se cimentou a conversa entre os dous mandatarios. O presidente galego valorou a importancia das actuacións da Xunta en Marín entre as que destacou a construción da nova escola infantil na parroquia de Seixo que contará con 41 prazas e abrirá ao longo do presente curso escolar; as obras de mellora e conservación dos centros educativos por importe de 1,26 millóns de euros; así como outras iniciativas na área de benestar e en materia de emprego, que contaron cun apoio da Xunta de 1 e 2 millóns de euros, respectivamente.
Relacionadas:
-
As obras de construción do novo centro de saúde de Marín "avanzan dacordo coas previsións"
Por Redacción |
-
María Ramallo anuncia 900.000 euros en investimentos para o último trimestre do ano
Por Redacción |
-
O BNG de Marín cualifica de "reunión de café" o encontro entre Ramallo e Feijóo
Por Redacción |