Jacobo Moreira pide a institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, decidiu seguir o camiño iniciado polo seu compañeiro de filas, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinando o documento oficial de adhesión á causa que persegue a Fundación Alexandre Bóveda para levar ao Parlamento Galego a solicitude de institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir para honrar a memoria dos galeguistas represaliados polo franquismo.
"Para min é un día moi especial", asegurou Jacobo Moreira no seu convencemento de que "a figura de Bóveda é patrimonio de todos".
Moreira trasladou o seu desexo de que "o goberno de Estado faga unha declaración formal de nulidade do xuício", como pretende a Fundación, "é un acto de Xustiza, para Alexandre Bóveda e para outras moitas persoas que tamén foron represaliadas durante a Guerra Civil, creo que a todas elas lles debemos unha reparación", engadiu.
Tamén asinou o documento César Abal como concelleiro pontevedrés, cargo ao que sumou Moreira a súa condición de parlamentario galego.
César Abal confesou a súa "alegría" tras esta firma e definiuse como "galeguista" e tamén un "grande e firme admirador de Don Alexandre Bóveda", lamentando que tivesen que pasar tantos anos para rehabilitar a súa figura.
A sede da Fundación Alexandre Bóveda, situada na segunda planta do Pazo de Cultura da cidade do Lérez, foi o escenario elixido para rubricar este acordo que compromete a Jacobo Moreira e a César Abal a dignificar a figura e a traballar para rehabilitar o nome do político e galeguista pontevedrés, fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira.
Moreira sinalou que ao próximo pleno municipal o PP presentará unha moción en este mesmo sentido.
Aínda que non puido asistir a este acto, Valentín García Bóveda, quixo enviar unha mensaxe aos concelleiros populares agradecendo o seu apoio "dende a familia e a Fundación Alexandre Bóveda" e apuntando que "os dereitos humanos precisan xa dunha acción política de xestualidade. Isto é, un paso cara o obxectivo que pretendemos conseguir e que agora estamos a procurar".
Relacionadas:
-
A Fundación Bóveda solicita ao Parlamento a creación dunha comisión de estudo sobre a Memoria Democrática de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Cotobade, primeiro rexedor do PP en reivindicar a institucionalización do Día de Galicia Mártir
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Poio acolle a homenaxe a Alexandre Bóveda máis concorrida e plural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Solicitan na Subdelegación a Declaración de Reparación e Recoñecemento da figura de Bóveda
Por Cristina Saiz |
-
Netos de Alexandre Bóveda e de Filgueira Valverde rexeitan a utilización política dos seus avós
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |