A Alameda de Marín acolle este domingo unha nova edición do mercado solidario Marín 3R
Por Redacción
Por cuarto ano consecutivo, a Alameda de Marín acollerá a celebración do mercadiño solidario Marín 3R, un evento organizado pola asociación O Abeiro. Terá lugar este domingo 20 de setembro.
Este mercado, segundo a concelleira de Servizos Sociais, Marián Sanmartín, converteuse nun evento "moi importante" na axenda de actividades de Marín. Lembrou que se trata dunha feira que fomenta a reutilización e a reciclaxe xa que a xente "tende a gardar cousas que non utiliza e así se lle pode dar unha segunda vida".
Este ano haberá 55 postos de artesanía e ademais tres protectoras de animais, Acopo, Os Palleiros e Prote Marín tamén terán presenza neste mercadiño.
Desde a asociación O Abeiro, que recolle roupa, tapóns e xoguetes que logo reparte entre as ONG de Marín, convidan os marinenses a participar neste mercadillo e achegarse á Alameda, onde tamén haberá actuacións musicais, como do grupo de gaitas Os de Marín, ou xogos populares a cargo da asociación Gharaboto.