As vivendas de promoción pública de Valdecorvos xa teñen dono
Por Redacción
Un sorteo celebrado este venres polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asignou as 132 vivendas de promoción pública que a Xunta construíu no polígono de Valdecorvos. Con este trámite, cada un dos inmobles está vinculado xa a un adxudicatario en concreto.
O sorteo realizouse por cupos en función do número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar dos demandantes. Había tres cupos para as vivendas de un, dous e tres dormitorios, así como un cuarto cupo para as vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, seis vivendas de tres dormitorios neste último caso.
Tras este proceso, o IGVS elaborará agora os estudos económicos personalizados, de maneira que cada adxudicatario paga un prezo diferente en función das características da vivenda e dos ingresos familiares, ponderados segundo o número de membros que compoñen a unidade familiar ou de convivencia.
Se os ingresos familiares ponderados son inferiores a 1,5 veces o Iprem (o indicador público de renda de efectos múltiples) a adxudicación realízase obrigatoriamente en réxime de alugueiro, mentres que para ingresos entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem a adxudicación é en réxime de compravenda, aínda que coa posibilidade de pasar a alugueiro se así o solicita o beneficiario.
Unha vez se dispoña de todos os estudos económicos, cada adxudicatario será invitado polo IGVS a coñecer a súa futura vivenda e as condicións da adxudicación, como paso previo á entrega de chaves.
As construción das vivendas de Valdecorvos está xa rematada e se solicitou a licenza municipal de primeira ocupación, requisito imprescindible para a súa entrega aos adxudicatarios. Son en total 24 vivendas dun dormitorio, 66 de dous dormitorios, 36 de tres dormitorios e as seis vivendas adaptadas de tres dormitorios cada unha. Todas contan con salón-comedor, cociña, baños, praza de garaxe e rocho.
O investimento total na construción destas 132 vivendas achegouse aos 14 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Benestar Social atende 27 solicitudes de residentes en Valdecorvos
Por Redacción |
-
A Xunta sorteou vivendas de promoción pública en Cotobade, Pontevedra, Ribadumia, Poio e Vilagarcía
Por Redacción |
-
As vivendas sociais de Valdecorvos, listas por fin para seren ocupadas
Por Redacción |
-
Os cooperativistas de Valdecorvos agardan unha solución de Xestur para recuperar máis de 300.000 euros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Abre o proceso para a adxudicación de nove vivendas de protección oficial en Valdecorvos
Por Redacción |
-
Sorteo de vivendas sociais en Valdecorvos entre a alegría e o mal perder
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |