As vivendas sociais de Valdecorvos, listas por fin para seren ocupadas
Por Redacción
Por fin, as vivendas sociais de Valdecorvos recibirán a licenza de primeira ocupación. A Xunta de Goberno local concederalla o próximo luns 14 de decembro, despois de que a empresa construtora emendase as deficiencias detectadas polos técnicos municipais no mes de agosto, relativas tanto á urbanización como a propia obra.
Na mañá deste venres, a construtora presentou a última documentación requirida relativa ao illamento acústico das vivendas -preceptiva por lei-, polo que o Goberno acordou levar á licenza á Xunta de Goberno do luns para darlle a maior axilidade e poder facilitar a entrega das vivendas ás persoas.
Ademais de resolver as deficiencias das vivendas, tamén se atenderon os requirimentos dos técnicos municipais sobre certas deficiencias detectadas na urbanización, como a reposición de lousas rotas ou limpeza dos sumidoiros, entre outros detalles.