Balance "moi positivo" de Lores nos primeiros cen días do seu novo mandato
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo este sábado un balance "moi positivo" dos primeiros cen días do seu novo mandato -que se cumprirán o vindeiro martes-. Para el foi un período de tempo "moi intenso e frutífero" e que permitiu, dixo, que este fose "agás o primeiro no que tomamos medidas moi novidosas e drásticas", o verán de maior intensidade desde que o BNG accedeu á alcaldía en 1999.
Fernández Lores destacou que "non se perdeu nin un minuto" para poñer en marcha a maior parte das noventa medidas que os nacionalistas presentaron durante a campaña electoral para este período inicial de mandato. "Temos obras en contratación, en execución ou pendentes de inaugurar", sinalou o alcalde, que destacou o "evidente" aumento da participación social con asembleas en barrios e parroquias ou o "apoteósico" verán de festas e eventos culturais.
En sentido, o alcalde destacou a presentación do programa 'Horizonte 2020', que inclúe o investimento "mínimo" de case 60 millóns de euros no próximos catro anos e que permitirán "dar un salto adiante" no modelo urbano da cidade. E é que Lores deixou claro, unha vez máis, que "o noso ánimo é seguir avanzando e melloralo, trasladándoo tamén a todo o territorio municipal" e que non contempla baixo ningún concepto dar "marcha atrás" nesta materia.
Dentro deste balance, o rexedor da capital destacou que o mellor destes cen primeiros días foi a "grata sorpresa" que supuxo a nova etapa na Deputación de Pontevedra, gobernada en coalición por PSdeG-PSOE e BNG. Esta "boa sintonía" no inicio deste mandato supuxo, afirmou, un "cambio significativo e substancial", polo que avanzou que se se cumpren os compromisos acordados "se vai a notar" en toda a provincia.
Tras destacar que esta fluída relación tamén se produce co Ministerio de Fomento, que dirixe a pontevedresa Ana Pastor, Miguel Anxo Fernández Lores lamentou que "desgraciadamente" non se puido lograr o mesmo coa Xunta de Galicia. A pesar da entrevista que mantivo con Alberto Núñez Feijóo a "única eiva" destas relacións institucionais do Concello de Pontevedra é co executivo autonómico, xa que devandito encontro "non serviu para nada".
"Se había alguna duda durante a campaña, nestes primeiros cen días quedou claro de todo", sinalou Lores sobre a negativa a pactar co PSdeG-PSOE
Pero nin sequera iso foi o peor, para el, deste inicio de mandato. Fernández Lores cre que esta dubidosa honra debe recaer na oposición, porque entende que hai un "acordo tácito" liderado polo PP e apoiado polo resto de partidos -PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns- para "boicotear" o modelo urbano, asumindo posturas que "me recordan ao ano 1999" e que segundo o alcalde "xa están discutidas e referendadas polos votos dos cidadáns".
Tanto é así, dixo, que a día de hoxe descarta por completo chegar a un pacto estable de goberno cos socialistas, que acompañaron ao BNG no últimos tres mandatos. "Se había alguna duda durante a campaña, nestes primeiros cen días quedou claro de todo", apuntou o alcalde, que confiaba en que esta posición, compartida polo resto de partidos da corporación, se debía ás eleccións municipais "pero non vexo por ningunha parte unha oposición máis construtiva".
ORZAMENTO MUNICIPAL
Para os próximos meses, unha das liñas de traballo fundamentais será o deseño dos orzamentos municipais para 2016. O BNG espera ter "perfectamente definida" a principios de novembro a estrutura deste documento, que incorporará as propostas que lles trasladaron veciños e asociacións nas reunións que se foron celebrando en barrios e parroquias durante estes últimos meses.
"Temos claro o que temos que priorizar", sinalou Fernández Lores. Iso si, ao entender que "todo proxecto é mellorable", tamén se consultará co resto de partidos políticos presentes na corporación para que poidan facer as súas achegas aos orzamentos, a condición de que, concluíu o alcalde, sexan iniciativas que non vaian en contra da "liña de flotación" da filosofía de traballo do goberno municipal.
Relacionadas:
-
Case 60 millóns en investimentos para o 'Horizonte 2020' que se marca o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación e o Concello asinarán un protocolo para acometer diversas obras nos vindeiros catro anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores cuestiona a lealdade da Xunta: "Moito me temo que a reunión co presidente non serviu para nada"
Por Natalia Puga |