Licitan por case 242.000 euros as obras para habilitar a zona verde de Pasarón
Por Alejandro Espiño
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns sacar a licitación os traballos destinados a habilitar unha zona verde diante da bancada de Tribuna do estadio de Pasarón, utilizada actualmente como aparcadoiro disuasorio.
Segundo explicou Raimundo González como portavoz do goberno, tras aprobarse os pregos desta actuación, sae agora a contratación por 241.823,45 euros.
Dous terzos desta parcela seguirán usándose como aparcadoiro, debido ás necesidades que xeran o estadio e a propia actividade do barrio do Burgo. É, máis ou menos, o mesmo espazo que ocupa na actualidade. Tan só reducirase un pouco para habilitar beirarrúas maiores en todo este ámbito e estará mellor integrado cos accesos ao estadio.
A zona verde habilitarase no espazo máis próximo á bancada Sur, actualmente sen uso e cuberta tan só por unha capa de xabre. Ademais, esta permitirá mellorar o viario peonil situado por detrás da bancada Sur e que une a Avenida da Coruña e a capela de Santiaguiño do Burgo.
OUTROS ACORDOS
Ademais, a Xunta de Goberno acordou adxudicar á firma Ecolans o contrato para a subministración de artigos de papel e hixiene en dependencias municipais. O acordo, que terá unha vixencia de catro anos, custará 64.000 euros. É o mesmo que se pagaba no contrato anterior, pero segundo Raimundo González, a empresa rebaixou os prezos dos produtos polo que "teremos máis ao mesmo prezo".
Relacionadas:
-
O Concello comeza a remodelación estética na parcela sur de Pasarón
Por Redacción |
-
Ediserpo reformará a zona verde de Pasarón e pavimentará as rúas contiguas
Por Redacción |
-
Urbanizar a parcela de Pasarón como espazo "polivalente" custará uns 240.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
A zona verde de Pasarón ocupará só un terzo da parcela, o resto seguirá como aparcamento
Por Redacción |
-
O Concello e a Deputación pagarán a medias a mellora da finca de acceso a Pasarón
Por Redacción |