O Concello e a Deputación pagarán a medias a mellora da finca de acceso a Pasarón
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello da capital pagarán a medias as obras necesarias para adecentar a finca que dá entrada ao estadio municipal de Pasarón a través da grada de Tribuna.
A finca está actualmente habilitada como aparcamento disuasorio todos os días da semana agás os que se celebra partido do Pontevedra Club de Fútbol, pero a Deputación sostén que "o seu estado é deficiente e non acorde nin co entorno nin coa obra realizada no propio estadio de Pasarón". Xa en novembro de 2013 o presidente da Deputación, Rafael Louzán, definiu como un "manchón" este estacionamento disuasorio habilitado no barrio do Burgo.
O presidente provincial, Rafael Louzán, anunciou este sábado a través dun comunicado o seu compromiso de que a Deputación aportará o 50% do custe do adecentamento. Segundo sinalou, o compromiso da institución que preside é firme e a cantidade a aportar vaise concretar no intre en que o Concello de Pontevedra lle remita o proxecto para acometer a obra.
O terreo, duns 3.000 metros cadrados, está catalogado como zona verde e conta con espazo abondo para 130 vehículos.
Relacionadas:
-
Licitan por case 242.000 euros as obras para habilitar a zona verde de Pasarón
Por Alejandro Espiño |
-
A zona verde de Pasarón ocupará só un terzo da parcela, o resto seguirá como aparcamento
Por Redacción |
-
Pasarón contará, temporalmente, cun aparcamento disuasorio con capacidade para 130 vehículos
Por Alejandro Espiño |