Bueu quere comezar en 2016 as obras de construción do paseo de Portomaior e Agrelo
Por Redacción
O goberno municipal de Bueu márcase como obxectivo poder comezar as obras para habilitar un paseo marítimo en Portomaior o vindeiro ano 2016. E en Costas parece gustar a idea.
Así transcendeu este luns tras a reunión que mantiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Cristina Paz-Curbera, xefa do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra.
A petición do executivo buenense, as obras faranse por fases, para ver que necesidades hai e dilucidar se nun momento dado son necesarias ou non as expropiacións, tal e como consta no proxecto do 2010 elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente.
Nesta primeira fase actuarase sobre os terreos de pertenza estatal e municipal, polo que se agarda que técnicos de Costas valoren as intervencións sobre a actual calzada e paseo marítimo para mellorar o espazo existente.
Juncal informou do posicionamento favorable por parte de Costas e salienta que con esta obra se vai potenciar que a "veciñanza goce dunha zona de lecer pero tamén deportiva, nas mellores condicións e coas máximas garantías".
Actualmente esta zona non ten case iluminación, polo que se solucionarán tamén esas deficiencias e aproveitarase o "gran potencial ambiental" da zona de Agrelo e Portomaior.
Ademais do paseo, no proxecto tamén esta contemplada a construción dunha área de esparexemento, con aparcadoiro e parque público entre Agrelo e Portomaior, á altura das dunas.