En Vilagarcía o PSOE e o PP acadan un acordo de organización do pleno
Por Redacción
Os grupos municipais do PSOE e PP en Vilagarcía acadaron un acordo que permitirá desbloquear a organización da corporación e con iso dar vía libre á constitución dos distintos consellos locais e ao nomeamento de representantes municipais en diversos órganos e entidades.
O PSOE, que sustenta o goberno, e o PP, principal grupo da oposición, suman 15 dos 21 concelleiros que compoñen a corporación. Ambos confían en que a este acordo poidan sumarse outros grupos agora ou no futuro. De feito, e a proposta do BNG, aceptouse rebaixar o soldo asignado ao secretario do alcalde para subir o do director de actividades deportivas.
Basicamente, o acordo consiste en que se asume a proposta inicial de distribución de cargos retribuídos por parte do goberno (alcaldía, catro liberacións e dous cargos de confianza) e, ao tempo, se engade unha liberación máis para o principal grupo da oposición, que, neste caso, podería optar por dividila en dúas dedicacións parciais. Por outra banda, o Partido Popular terá un representante na Autoridade Portuaria e outro na Mancomunidade do Salnés, ademais da vicepresidencia do Padroado de Fexdega, respectando así a proporcionalidade derivada dos resultados electorais.
Neste acordo pola estabilidade, o goberno local tamén acepta levar adiante unha serie de obras ou proxectos que, programados polo anterior goberno, ou ben están en execución ou ben pendentes de ser desenvolvidos, a expensas dos distintos informes técnicos ou sectoriais. Entre eses proxectos están a construción dun novo ximnasio no colexio de Rubiáns, a posta en valor do balneario da Compostela con fins hostaleiros, a reposición da cuberta da grada de preferencia do campo da Lomba, a rehabilitación do piorno do parque da Xunqueira, a humanización da rúa Conde de Vallellano, o asfaltado da rúa Valle Inclán e a habilitación de dúas zonas lúdicas na praia da Compostela ou no parque do Castriño.
O acordo contempla igualmente a creación dunha serie de grupos de traballo ou seguimento dos principais asuntos que marcarán o devir da cidade: presupostos, ordenanzas, plan xeral, etcétera. Nestes grupos participarán todos os partidos políticos con presenza no pleno.
En aras da transparencia, o contido íntegro do acordo será publicado na web do concello.
POR DEBAIXO DA MEDIA
O acordo acadado entre os dous grupos, que suman máis de dous terzos da corporación, garante que os gastos por órganos de goberno –incluídos nestes as liberacións pero tamén as indemnizacións e asignacións a concelleiros e grupos, do goberno e da oposición no seu conxunto- non supera o teito de gasto do último mandato, está por debaixo da media de calquera concello da comarca e moi debaixo do que permite a lei para un municipio das características de Vilagarcía de Arousa: 55.000 euros de soldo máximo para o alcalde (serán 48.000), ata 11 liberados a tempo completo (se propoñen 7, dos cales dous a tempo parcial, e ata 7 contratos de persoal de confianza (serán dous e con longa tradición: o secretario do alcalde e o director de actividades deportivas).
Polo tanto, dende o grupo de goberno entenden que o acordo é "perfectamente homologable con calquera que se teña adoptado en calquera municipio de Galicia ou España, sexa da cor política que sexa, cumpre estritamente coa lei e dende logo coas recomendacións das federacións de municipios de Galicia e de España (Fegamp e Femp) nas que están representados todos os grupos políticos".