Limpeza 'desde as alturas' da fachada principal de Santa María
Por Alejandro Espiño
Retirar herbas, plantas e brións, eliminar sedimentos acumulados ou reparar as xuntas en mal estado. É o obxectivo co que o Arcebispado de Santiago levará a cabo, dentro duns días, os traballos de limpeza da fachada principal da basílica de Santa María. Trátase dunha actuación que acaba de recibir a licenza municipal e na que se prevé investir 4.747,90 euros, segundo consta no proxecto presentado.
O máis rechamante será o modo no que levarán a cabo estes traballos de limpeza.
Debido á dificultade do acceso rodado de maquinaria a este ámbito, así como a complexa aproximación á fachada, pola presenza do atrio da basílica, non se instalarán estadas -porque habería que ancorados á pedra e podería causar algún tipo de deterioración- nin guindastres de grandes dimensións. Ademais, sinalan que todo isto supoñería un elevado custo que faría inviable esta actuación.
Así, optouse por 'alpinistas'. Así se describe na memoria do proxecto o traballo que realizarán os operarios dunha empresa especializada en traballos verticais en altura. Suspendidos desde o tellado da basílica, descolgaranse pola fachada para ir limpando a estrutura de arriba abaixo.
Para preparar este descenso, situaranse oito ancoraxes na cara traseira da fachada principal, a partir dos cales se colocarán as cordas e arneses que garantan a seguridade dos traballadores que vaian executar estas tarefas de limpeza.
Estes traballos executaranse durante dúas semanas e correrán a cargo de cinco persoas, das cales catro estarán en altura.