Ferido grave un mozo ao caer coa súa bici cando tentaba saltar un banco na Avenida de Santa María
Por Oskar Viéitez
Un mozo menor de idade resultou ferido tras caer coa súa bicicleta.
Segundo informaron testemuñas presenciais o suceso tivo lugar ás 20.10 horas deste sábado na avenida de Santa María. O mozo, en compañía dos seus amigos, estaba a realizar trucos acrobáticos coa súa bicicleta de BMX cando se dispuxo a saltar un dos bancos.
Tras dirixirse a gran velocidade para afrontar o banco, golpeou coa roda traseira no bordo da xardineira sobre a que se asenta o respaldo da bancada. Este golpe inesperado desequilibrou ao mozo que se precipitou con violencia contra o chan.
Unha ambulancia medicalizada acudiu para atender ao mozo e trasladalo a un centro hospitalario, informando os técnicos sanitarios que como consecuencia da caída o menor fracturouse varias costelas e tiña perforado un pulmón.
Tamén acudiu ao lugar unha patrulla da Policía Local para levantar un atestado do accidente. As explicacións sobre o sucedido foron ben sinxelas posto que os amigos do mozo gravaran en vídeo o accidente, xa que esperaban ver un salto espectacular.