O Lérez, a piques de desbordar polas mareas vivas
Por Redacción
As mareas vivas desta semana levaron ao límite a canle do río Lérez.
Así o paso para os piragüistas viuse cortado na ponte dos Tirantes durante a pleamar, cando a auga tocaba o van do viaduto sen permitir o paso entre un e outro lado do río.
As Xunqueiras de Alba permaneceron en gran parte mergulladas e na illa do Cobo a auga alcanzou ás esculturas.
No peirao das Corbaceiras algúns condutores levaron un bo susto ao ver como os seus coches xa tiñan as rodas metidas na auga.
As mareas vivas desta semana tiveron un efecto maior por un fenómeno que non se rexistra todos os anos como é a aliñación do sol coa lúa sobre o ecuador da Terra, algo que tan só ocorre cada 18 anos.
Igualmente a baixamar deixouse sentir abrindo grandes paseos no areal de Lourido destapando o grave problema de falta de calado que sofre a desembocadura do Lérez.