Carmela Silva e María Ramallo coinciden en apostar por un servizo da Deputación de asistencia aos concellos
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, coincidiron este xoves en apostar pola creación dun servizo na institución provincial de asistencia técnica aos concellos da provincia.
Silva e Ramallo mantiveron unha xunta de traballo, na ronda que a presidenta da Deputación está a facer polos concellos de toda a provincia.
Tanto a alcaldesa como a presidenta da Deputación coincidiron en destacar a boa relación institucional entre ambas mandatarias.
O principal tema abordado nesta xuntanza, ademais dunha serie de obras e infraestruturas, foi a necesidade que ten o concello de Marín ao igual que outros da provincia, de contar con asistencia técnica en materia de urbanismo, xurídica ou técnica. Así Carmela Silva informou a María Ramallo que este é un dos aspectos que quere abordar o novo goberno provincial poñendo en marcha este servizo "e a súa posta en marcha é un compromiso que asumo", subliñou a presidenta.
Outro dos aspectos abordados foi o turismo. Carmela Silva apostou por aproveitar as sinerxías "que nos permitan poñer en marcha as potencialidades turísticas de Marín e doutros concellos da comarca".
Outro dos compromisos da Deputación de Pontevedra é implementar un plan turístico a catro anos "para que os concellos nos plantexen as súas necesidades e demandas porque a Deputación ten que ser un instrumento de colaboración cos municipios", concluíu Carmela Silva.