A Deputación recibe máis de 700 peticións de lombos en toda a provincia
Por Oskar Viéitez
A César Mosquera véselle feliz. A súa nova responsabilidade como vicepresidente da Deputación expúxolle novos retos que supoñen todo un desafío para este veterano político pontevedrés.
A pesar diso, o primeiro que reafirma Mosquera ao falar desta etapa é que "as deputacións sobran". E respecto da de Pontevedra engade que padece un "grave problema" pola escasa operatividade que presenta debido a unha "estrutura ineficiente" cunha "sobrecarga de traballo" nos "poucos directivos" que están á fronte dos distintos departamentos. Por exemplo, citou que só hai un enxeñeiro ou un único arquitecto para atender aos proxectos de toda a provincia, na que hai que atender 1.700 quilómetros de estradas.
Estes técnicos atópanse "desbordados" estes días para atender ás "máis de 700 peticións de instalación de lombos" formuladas polos concellos.
Nun almorzo informativo cos medios de comunicación Mosquera tamén admitiu estar "gratamente sorprendido" pola "boa relación" entre o BNG e o PSOE no goberno provincial. "No núcleo do goberno a coincidencia é case total", celebrou.
Por citar algunha pequena discrepancia Mosquera admitiu que non se atopa moi "cómodo" co recorte no tempo das intervencións coa que agora se moderan os debates nos plenos da Deputación. Cinco minutos por cada quenda de palabra parécenlle insuficientes.
Onde se mostrou a súa "decepción" foi coa forma de facer política da oposición do Partido Popular, "coloquialmente chamámoslles: o sector Jarrai. Tíranse en exceso ao monte e semella que xantaron guindillas", dixo. Deles Mosquera esperaba "colaboración" e "un ton construtivo".
Durante estes dous meses que o bipartito leva á fronte do goberno da Deputación adoptáronse algunhas iniciativas polémicas como trasladar á Fiscalía e ao Tribunal de Contas a xestión do anterior goberno provincial de Rafael Louzán en varios proxectos con fondos europeos ao entender que existen "irregularidades".
Mosquera confesou que ao principio el non era partidario de tomar este medida pero que a presidenta Carmela Silva advertiulle do problema que se podían atopar se a Xustiza lles pedisen responsabilidades por non facer nada tras detectar estas irregularidades.
Neste punto da conversación o vicepresidente provincial referiuse á Operación Patos que investiga unha trama de presuntos amaños de contratos públicos e recepción de agasallos. Para Mosquera "estamos ante un uso moi perverso da xustiza" e apuntou que ao seu xuízo "despois de todo este barullo" o único que vai quedar será un "desprestixio da propia función pública e da xustiza".