Entra en funcionamiento un Servizo provincial de Emprego
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha un Servizo de Emprego. Segundo explicou a presidenta da Administración provincial, Carmela Silva, esta iniciativa é unha "primeira resposta" ante o que o goberno PSdeG-BNG considera que é "un dos nosos principais obxectivos: xerar emprego".
Carmela Silva indicou que no pasado mes de setembro o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) aumentou na provincia de Pontevedra en 1.391 persoas, en relación co mes anterior supón un aumento dun 1,64 % ata alcanzar os 86.366 desempregados.
"Esta subida do paro é habitual en setembro pero obríganos a que o emprego sexa unha das liñas de actuación que máis temos que promover", asegurou a Presidenta.
Trátase dun servizo que ata agora non existía na Deputación e aglutina a totalidade das funcións que antes estaban dispersas por varios departamentos desta institución e estará integrado por 14 funcionarios que se encargarán de xestionar as políticas de emprego.
Segundo detallou Carmela Silva, este Servizo xa está a traballar nalgúns programas como son o plan Depo Emprega, cun orzamento de 330.000 euros, que integra diferentes accións de información e orientación laboral co fin de mellorar a cualificación profesional dun colectivo de 110 persoas desempregadas seleccionadas para participar no programa. O obxectivo último é lograr a incorporación ao mercado de traballo dun mínimo do 45% dos participantes. Esta acción vai dirixida a persoas de menos de 30 anos con baixa cualificación, ás mulleres e a parados de longa duración.
Outra das iniciativas deste servizo é un Obradoiro de Emprego para 15 persoas no Centro Príncipe Felipe sobre a Atención Socio-sanitaria dirixida ao coidado de maiores, no que os participantes dispoñen dun contrato de formación equivalente ao salario mínimo interprofesional mentres reciben unha formación teórico-práctica.
Ademais estanse desenvolvendo outras tres accións formativas neste mesmo centro Príncipe Felipe sobre: Mecanizados de madeira, Formación Turística local e Animación Físico-deportiva. "Todas elas orientadas a nichos de emprego", destacou Carmela Silva sobre estes cursos.
Carmela Silva tamén citou entre as accións para loitar contra o paro o programa Practicum orientado a completar a formación dos mozos, a mellorar o seu dominio dos idiomas e a ampliar as súas posibilidades de inserción laboral.
Finalmente, Carmela Silva informou na rolda de prensa posterior á xunta de goberno que xa se presentaron 30 concellos para dispoñer do persoal contratado no novo plan de emprego para os concellos da provincia.