Acordan un arranxo urxente para mellorar a aula de educación física do colexio de Rubiáns
Por Redacción
A delegación territorial da Xunta en Pontevedra acolleu este mércores un encontro con representantes da consellería de Educación e do concello de Vilagarcía co obxectivo de buscar unha solución urxente a aula de educación física do CEIP de Rubiáns.
Na reunión, os responsables de ambas administracións acordaron poñer en marcha pequenas melloras que permitan a realización da práctica deportiva por parte dos alumnos deste centro arousano durante o presente curso.
Estas pequenas melloras serán afrontadas ao 50% por Xunta e concello.
Ao seu remate volveranse a reunir os técnicos para analizar qué reforma de maior envergadura se quere levar a cabo no futuro. O que xa se descartou é a construción dun pavillón deportivo, como anunciara o anterior presidente da Deputación Provincial antes das eleccións municipais. Barállanse dúas opcións. A primeira é reformar as instalacións actuais que se comunicarían a través dun paso cuberto cos vestiarios exteriores, de xeito que os alumnos non se mollasen os días de choiva ao pasar dun edificio ao outro. A segunda opción é a construción dun ximnasio novo, máis pequeno que o actual pavillón pero mellor dotado para a práctica da educación física.
A elección dunha u outra alternativa dependerá de varios factores, o principal o económico. A construción dun ximnasio novo é máis cara polo que sería necesaria a colaboración de máis institucións.