Cervexa, salchichas e música en directo durante tres días co Oktober Festival de Campelo
Por Diego Espiño
Campelo prepárase a acoller durante a fin de semana, os días 9, 10 e 11 de outubro, a terceira edición do Oktober Festival.
Coincidindo coa ponte festiva a organización, a cargo da Asociación Deportiva Cultural de Campelo, ampliou un día dunha celebración que busca recadar fondos para sufragar as actividades da asociación.
A previsión é despachar máis de 3.000 litros de cervexa e 2.000 salchichas e hamburguesas, segundo explicaron na presentación celebrada no Casal de Ferreirós, Concello de Poio.
Venderanse tres tipos de cervexa (loura, tostada e de trigo) e dous tamaños de salchichas (normais e XL).
A festa comezará o venres ás 20:30 horas, cun concerto de R ke R ás 21:30 horas e a carpa aberta ata as 3:00 horas da madrugada.
O sábado será o día máis intenso, con apertura de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 3:00 horas e actuacións da Escola de Acordeóns de Campelo (13:00 horas), unha exhibición de zumba (18:00 horas) e concerto de Tony Lomba (21:30 horas).
Este día, o sábado 10 de outubro, se habilitará un autobús desde Pontevedra (Praza de España) que pasará por Ferreirós, Combarro e A Seara antes de chegar a Campelo, circulando desde as 20:30 ata as 3:30 horas.
Pola súa banda o domingo, con horario de 11:00 a 15:00 horas e de 18:30 a 1:30 horas, destacan as actuacións de Noite Fechada (20:00 horas), Recambios Tucho (21:45 horas) e Zënzar (23:30 horas).
A programación complétase o domingo coa V Ruta BTT Campelo-Monte Castrove organizada por Os Bicivoadores.