A Facultade de Forestais traballa na conservación do cabalo galego do monte
Por Redacción
Coñecer o estado actual das poboacións da raza Cabalo Galego do Monte e deseñar medidas específicas para a súa conservación é o propósito central do proxecto que o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, vai desenvolver ao longo do vindeiro ano na Serra do Cando e no Monte Cabalar.
Seleccionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2015, este estudo comprende a avaliación dos "parámetros poboacionais de distribución, idades e sexos, así como a problemática territorial, sectorial e sanitaria" que supón esta especie nas áreas obxecto de estudo, co propósito de deseñar as "ferramentas necesarias para a súa conservación ao longo do tempo a través de acordos de custodia do territorio", segundo sinala o director da EE Forestal e do grupo AF-4, Enrique Valero.
O proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio na Serra do Cando e no Monte Cabalar foi presentado este mércores na Casa Consistorial de Cotobade por Valero e a investigadora Xana Álvarez, xunto co rexedor deste municipio, Jorge Cubela, e os alcaldes de Campo Lameiro Julio Sayáns, e Cerdedo, José Balseiros.
Tres concellos que colaboran cun proxecto que nesta xornada celebrou en Cotobade a súa primeira reunión de traballo e que tamén conta coa participación da Comunidade de Montes en Mancomún de Caroi, a asociación Cabaleiros de Cotobade, a entidade Conca do Lérez e a cooperativa Monte Cabalar, así como das direccións xerais de Produción Agropecuaria e Conservación da Natureza da Xunta.
Trátase, sinalan os seus responsables, dun "proxecto multidisciplinar" que analizará desde diferentes ámbitos a situación da especie en dúas "zonas diferenciadas", o espazo protexido da serra do Cando, que abrangue aos diferentes municipios participantes, e o Monte Cabalar, na Estrada, xestionado por unha cooperativa. O propósito final é deseñar unha serie de medidas que contribúan á preservación da especie e que poñan en valor o "interese cultural, tradicional e ecolóxico" dunha especie que "forma parte do patrimonio natural de Galicia", como apuntou Álvarez.