Agardan que a canalización dun regato en Piñeiros poña fin ás inundacións nesta zona
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo iniciou, coa colaboración de Espina e Delfín, unha actuación no lugar de Piñeiros que poñerá fin ás fortes inundacións que se rexistran cada xornada de choiva nesta contorna.
Como se acordou cos veciños, procedeuse xa á canalización, por baixo da estrada, dun pequeno regato que discorre por esta zona, a través dun tubo que dispón do ancho suficiente como para absorber tanto a canle como a acumulación de augas pluviais.
O tubo desemboca nunhas leiras particulares, coa pendente suficiente para garantir a súa eficiencia.
Nesta zona será Augas de Galicia quen se encargue dos traballos, derivados a un particular, coa apertura dunha gabia, xa existente pero obstruida por residuos, con maior diámetro para que garanta unha canle fluída para un regato que leva no inverno un gran caudal de augas pluviais. Este conduto transcorrerá pola gabia orixinal, que divide os lugares da Revolta e Vilalonga, sen invadir ningunha propiedade máis que nos extremos marcados coas preceptivas mouteiras, ata a súa desembocadura.
A actuación completarase cunha limpeza das gabias en todo o trazado e da maleza que invade o viario. A maiores, o concelleiro de Servizos incluirá esta estrada interior no plan de asfaltados que o Concello programa para os próximos meses.