BNG de Marín e CIG denuncian que o Concello incumple a normativa de participación cidadá
Por Redacción
O grupo municipal en Marín do Bloque Nacionalista Galego e o sindicato CIG aseguran que o goberno local encabezado por María Ramallo (PP) "incumpre o establecido no Regulamento de Participación Cidadá co que conta o Concello desde que o Pleno da Corporación o aprobase por unanimidade o pasado mes de marzo".
Denúnciano ambas organizacións despois de que o secretario comarcal do sindicato, Marcos Conde, non puidese participar nunha comisión informativa de Medio Ambiente na que pretendía expoñer o proxecto de medidas que defende CIG para garantir a enerxía como servizo público e para combater a pobreza enerxética.
O regulamento, segundo explica o grupo do BNG, establece que os representantes de entidades e colectivos poden intervir nas comisións nas que figuren asuntos que lles afecten dentro da orde do día.
"A pesar disto o goberno do PP impediu que o representante da CIG puidese explicar aos representantes dos grupos políticos as medidas que se recollen na Proposición de Lei para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética que afecta a máis de 100.000 persoas na Galiza", afirmou a portavoz do BNG, Pilar Blanco.