O Concello, eximido de indemnizar ao veciño queimado na Feira Franca de 2007
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de decidir que o Concello de Pontevedra non debe indemnizar ao veciño que sufriu queimaduras graves en todo o seu corpo como consecuencia dun accidente cunha queimada celebrada na Praza do Teucro no transcurso da Feira Franca do 2007.
Manuel Rodríguez Varela, que arrastra impostantes secuelas, tanto estéticas como funcionais, presentara unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Pontevedra, como organizador do evento na que demandaba unha indemnización de 470.604 euros por danos sufridos.
Coa súa decisión o Alto Tribunal galego rexeita o recurso de casación presentado pola vítima, ratificando unha sentenza previa que exime ao Goberno local de abonar a cantidade reclamada polo afectado que foi declarado incapaz absoluto para calquera profesión.
Segundo informou o portavoz do goberno municipal, o TSXG considera que o accidente tivo lugar "no ámbito privado", nunha comida de amigos que foi organizada "á marxe do funcionamento dos servizos municipais e do propio negocio" onde se preparou a queimada.
O órgano xudicial sinala que "o acontecido non gardou ningún tipo de relación cos servizos municipais, tendo en conta que a queimada non figuraba no programa de actos festivos do Concello", e lembra que foi un dos comensais que compartía mesa coa vítima o que achegou o garrafón de augardente ao recipiente onde se estaba facendo a queimada, provocando unha explosión.