Caen os presuntos autores do roubo de maquinaria e ferramentas no campo de fútbol de Combarro
Por Redacción
A Garda Civil detivo tres homes durante os últimos días como presuntos autores dun importante roubo de ferramentas e maquinaria, producido a finais do pasado mes de xullo. En concreto, a todos eles impútaselles a autoría dun delito que se produciu nas instalacións da nova canceira que se construía no antigo campo de fútbol de Combarro.
Ademais de apoderarse da totalidade das ferramentas da obra, cuxo valor supera os 2.000 euros, e do remolque onde se gardaba, os autores do roubo tomárona coas instalacións destruíndo a parte xa construída. Para iso, segundo sinala a Garda Civil nun comunicado, previamente procederon ao corte de subministración eléctrica e inhabilitaron os sistemas de vixilancia e alarma recentemente instalados, causando danos materiais por valor de 9.000 euros.
Uns días despois, localizouse o remolque abandonado no municipio de Vilaboa e sen ferramentas.
Por mor das investigacións levadas a cabo por efectivos da Garda Civil de Poio, púidose concretar e pechar o círculo das persoas que aparecían como sospeitosas, propiciando a entrada e rexistro en tres domicilios nos municipios de Cotobade, Soutomaior e Pontevedra.
Neles, os axentes puideron incautar diverso material -maquinaria e ferramentas de construción e xardinería- cuxa procedencia non puideron acreditar os implicados. Posteriormente demostrouse que, polo menos en parte, fora subtraído no campo de fútbol de Combarro.
Ademais da detención destes tres homes, de entre 20 e 48 anos e todos eles con antecedentes por delitos contra a propiedade, a Garda Civil imputou unha cuarta persoa, unha muller de 29 anos. Os catro foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
A investigación continúa aberta para identificar os propietarios de todas as ferramentas incautadas, polo que non se descarta a posible implicación dos detidos noutros roubos similares que se poderían cometer na comarca de Pontevedra.